O noso funcionamento:
O capital de AIS “O Peto” está formado por participacións de 60 euros. (Non se aceitan doazóns nin subvencións, o total do capital da asociación terá que vir na súa totalidade dos aforros das persoas socias)
O 90% do capital destínase ás axudas (con obriga de devolución), financiando proxectos de creación de emprego que non teñen acceso a financiamento tradicional. O restante 10% a accións divulgativas e administración interna, porcentaxe non recuperábel.
Outra forma de participar será a achega de traballo voluntario.
O estudo da viabilidade e o seguimento técnico dos proxectos presentados faise a través da Directiva da asociación. Unha Xunta directiva aberta a todas as persoas socias, aproba a concesión das axudas por maioría cualificada responsabilizando a unha persoa socia do seguimento do proxecto.
O modelo é autoxestionario e democrático.
Os nosos medios:
Traballo gratuíto das persoas socias e colaboradoras, tanto no cumprimento dos fins da asociación como no seu funcionamento interno.
Capital formado polas participacións adquiridas. Este capital pode posteriormente recuperarse nun 90% segundo un procedemento establecido ao efecto (e dependendo do valor da participación nese momento).
Investimento non lucrativo de proxectos con rendibilidade social ou cultural e viabilidade económica, que poñen o centro de atención no traballo socialmente necesario para que a persoa poda ser protagonista da súa vida.
Educación en actividades de formación para persoas asociadas e simpatizantes, co fin de afondar nos fundamentos da economía alternativa e solidaria. As persoas destinatarias das axudas tamén poderán participar nelas.