Fiare Galiza

A relación entre AIS O Peto e Fiare, especialmente en Galiza, ven de lonxe, e arrinca a finais de 2008 cando desde O Peto tivemos coñecemento da existencia do proxecto Fiare, que neses momentos estaba nas súas fases iniciais de creación de asociacións territoriais e captación de capital social para a implementación e expansión por todo o estado.

O contacto e o interese foi mutuo desde o principio, xa que entendiamos que os dous proxectos eran complementarios e podían aportarse moito mutuamente para o desenvolvemento das finanzas éticas e a economía solidaria en Galiza, e de aí que se convidara a Peru Sasia para facer unha charla de presentación de Fiare en Compostela, da que sairía despois o proceso de creación da Asociación Fiare Galiza (web histórica de Fiare Galiza).

Ao longo do ano 2009 celebráronse sete reunións para pór en marcha Fiare, na que se foron sumando as entidades de referencia en Galiza, partindo dun primeiro grupo promotor no que xa estaba, ademais de AIS O Peto, Adega, Verdegaia, o Sindicato Labrego Galego, Panxea, Altermundo, a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, ou a asociación Arela.  Este procese desembocou o 16 de xaneiro de 2010 coa asemblea constituinte de Fiare Galiza, uníndose ás promotoras antes sinaladas, outras entidades importantes coma as ONGD Amarante,  Solidariedade Internacional de Galicia, Taller de Solidariedad e a Fundación Proclade, ou a parroquia do Cristo da Victoria de Vigo. Nos seguintes anos iríanse engadindo outras entidades como Enxeñería Sen Fronteiras, a asociación Irimia…, e desde outubro de 2010 comezou o proceso de incorporación tamén de persoas físicas.

Desde un primeiro momento o traballo de ambas as dúas entidades, AIS O Peto e Fiare, e da terceira pata das finanzas éticas en Galiza, Coop57 Galicia, foi conxunto, complementario e en perfecta colaboración, permitindo así abarcar todos os niveis de financiamento da economía solidaria, desde o ámbito mais de microfinanzas, con O Peto, até o nivel máis macro, coa posta en marcha en 2014 dunha banca ética con todos os servizos básicos de aforro e crédito para persoas físicas e para entidades, con Fiare Banca Ética, continuando a día de hoxe con esa colaboración e enriquecemento mutuo do tecido da economía alternativa e solidaria galega, que xa está a dar frutos e cremos firmemente que ten un futuro esperanzador e ilusionante.

Hoxe en día colaboramos dentro da organización dos Grupos de Iniciativa Territorial (GIT) de Galiza Norte e Sur incluídos na estrutura do banco Fiare Banca Ética, e a través de Refas e de Reas na Fundación Finanzas Éticas.

 

Advertisement