Do 1 ao 4 de outubro celebrarase en Cangas do Morrazo a 4ª Mostra do Posible.
A Mostra do Posible é un encontro de entidades de economía solidaria e movementos sociais mediante o que se pretende visibilizar que existen alternativas para construír entre todas un mundo máis xusto.
A Mostra é un punto de encontro entre a economía solidaria e os movementos sociais:
- As empresas de economía solidaria están confeccionando potentes ferramentas de transformación colectiva, que buscan cooperar en lugar de competir e poñen ás persoas no centro. A economía solidaria fai posible que hoxe en día podamos satisfacer parte das nosas necesidades cotiás contribuíndo a creación dun mundo máis xusto e solidario.
- Os movementos sociais buscan influír na toma de decisións sobre o que é de todas, defendendo que outro tipo de políticas públicas é posible. Ademais, nos movementos sociais reside a creatividade e a experiencia de outros xeitos de organización colectiva.
Este ano contarán coa realización da Escola das Economías Transformadoras, do 1 ao 3 de outubro, no salón de plenos do concello, para reflexionar sobre a necesidade de camiñar cara a un novo modelo económico máis social, colaborativo e sustentábel, en colaboración coa Rede Eusumo, co seguinte programa:
- Xoves 1: Pensamento e acción: con Isabel Rauber, Doutora en filosofía e investigadora experta nos movmentos sociais latinoamericanos. Nesta xornada contaremos con experiencias desde as economías transformadoras: Finanzas éticas, nas que participarán, en representación do Peto, Ricardo Paz e Esteban González. Contaremos tamén con presenza de compañeiros e compañeiras do GIT galego de Fiare Banca Ética e de Coop 57.
- Venres 2: Xustiza e soberanía alimentaria: con Marta Ribó, Doutora en Farmacia e coordenadora de “Justicia Alimentaria” no País Valenciá. Experiencias dende as econonomías transformadoras: Soberanía Alimentaria con varias entidades como a Cooperativa Árbore,Sistema Participativo de Garantía A Gavela, Asociación O Toxo e Pouso da Serra cooperativa
- Sábado 3: Crise de modelo e resiliencia: con Antón Lois, Técnico ambientalista e activista de Amigos da Terra. Experiencias dende as econonomías transformadoras: Economía Solidaria con Reas Galiza, Nosa Enerxía e Artigo 14