REAS Galicia organiza o 5º Encontro Aberto de Economía Alternativa e Solidaria que se celebrará o sábado 19 de setembro con entidades da economía social no Casino 1889 de Carballo.
Comezarase co REAScunchiño: micropresentacións de proxectos da economía social galega.
Haberá tamén un debate sobre os retos da crise actual e como empregarmos as redes que construímos desde o feminismo e a sostibilidade para impulsar unha saída.
Por último, neste encontro aberto abordarase o debate entre as sociais de REAS sobre a conformación do Mercado Social Galego: rede de produción, distribución e consumo que xa funciona noutras comunidades con criterios éticos e ecolóxicos. Trátase dun espazo de cooperación que REAS porá en marcha antes de finalizar 2020.
Dadas as circunstancias actuais, o aforo é limitado e establecerase por orde de inscrición, con especial atención ás socias de Reas. En caso de producirse novas restricións de mobilidade, o encontro celebraríase nunha plataforma vía streaming que se anunciaría previamente.
Se tedes interese en asistir cubride, por favor, o seguinte formulario de inscrición.